Descripción del Artista
Berto Fojo vive e traballa en Pontevedra onde compaxina a arte, a música e o ensino. Finalizou os seus estudos de Belas Artes na Universidade de Vigo (2006), trasladándose posteriormente a Madrid onde cursou un Master en Deseño na Universidade Complutense de Madrid (2009).
Do seu paso pola Facultade destaca os compañeiros que lle tocaron en sorte, os traballos cutres, as risas, os chalados, as explosións, os partidos de fútbol, as bromas, os profes con vocación e o Schweppes Citrus.
O traballo de Berto céntrase principalmente na ilustración, disciplina que complementa coa pintura, o debuxo, a creación de personaxes e caricaturas, o deseño e o ensino. Ante a pregunta de cómo se definiría, Berto responde: “como un artista pobre de provincias en fase de expansión”. A ironía e o humor forman parte da traxectoria deste artista capaz de crear unha iconografía propia que seduciu a miles de seguidores de todo o mundo.
Pero Berto é moito máis. Forma parte de dúas bandas de música: Djalminha, onde canta e toca a batería, e Cuchillo de Fuego, onde é batería. Tocou tamén nun experimento chamado Bezoar, xunto con Jose Atomizador e José Biocom, encargándose con eles do deseño das portadas.
Non podemos obviar o seu papel como dinamizador cultural e a súa implicación como ideólogo e partícipe do espazo colectivo de bricolaxe Liceo Mutante. Recientemente, e xunto con Natalia Umpiérrez, Nuria Figueiredo e Jaime Olmedo, fundou Estudo Pacheco, unha antiga floristería en pleno centro de Pontevedra, transformada nun espazo de traballo colaborativo para a creación, o coñecemento e o intercambio de ideas.
A obra de Berto foi exposta en mostras individuais e colectivas en galerías e espazos alternativos, tanto nacionais como internacionais. Así mesmo os seus traballos foron publicados regularmente en diferentes fanzines, libros, cómics, revistas e xornais, destacando as ilustracións realizadas para a sección do Comidista, no Tentaciones de El País.
Con todo para Berto o seu principal mérito reside en non abandonar a arte malia as circunstancias, e manter viva a ilusión para facer realidade algúns soños, como deseñar unha mascota futbolera, preferentemente do Depor ou do Pontevedra, aínda que Roelio -a mascota do Pontevedra C.D.- parécelle insuperable...
Ante o reto de permanecer unha tempada no interior dunha vitrina Berto cre que se afará: “non debe ser moi distinto a vivir en Pontevedra”, responde resignado.
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España