Descripción de la Formación
O surrealismo e a obra do seu principal teórico, André Breton, protagonizarán ao longo do mes de marzo na Fundación Luis Seoane un seminario de carácter teórico-práctico conducido por Xoán Abeleira, cofundador do Grupo Surrealista Galego, no que se abordarán elementos chave deste movemento que xurdiu na Francia de entreguerras a partir do manifesto elaborado polo propio Breton en 1924, que o definía como "automatismo psíquico puro". Precisamente, o automatismo será un dos temas que estarán presentes no curso, xunto con outras cuestións chave relacionadas co movemento surrealista, desde os seus principios básicos ata a análise das diversas facetas da obra e a figura de André Breton; os fundamentos do movemento, a escrita e a pintura automáticas e, na última sesión do seminario, os puntos en común desta corrente literaria e artística coa obra de Luis Seoane.
Escritor, crítico, tradutor, xornalista, a traxectoria de Xoán Abeleira inclúe máis dunha ducia de libros de poesía e de prosa, entre os que destacan Animais Animais, As nosas sombras no Xardín de Serralves, Pan de ánimas, A pegada de Man, e a serie infantil As aventuras de Nunavut. Como xornalista, ten colaborado con medios como El País, La Opinión de A Coruña, El Urogallo ou Quimera, e como tradutor, traduciu ao galego e ao castelán a autores como Arthur Rimbaud, Guillaume Apollinaire, Sylvia Plath, Ted Hughes, Jack London, o recentemente falecido John Berger, e, por suposto, André Breton, entre outros.
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España