Descripción de la Exposición
Esta é unha exposición para todas as lecturas posibles, tantas como espectadores ou as variantes de ánimo de cada cal. Se se repite o paseo arredor dos cadros será que se están abrindo as portas da percepción e do diálogo e que as obras nos comezan a falar, a dicir. Haberá feeling e iso basta. A comunicación da que falaba U. Eco. Non se necesitan guías, alcanza o paseo.
Nesta mostra non hai sendas marcadas nin convencionais, o tempo e a cacería da imaxe correspóndelle a cada un e é libre, tal como expoñía Heidegger en Sendas perdidas: "...fuera de los caminos dictados y ajenos es allí donde está la libertad y el hallazgo".
Esta é unha exposición aberta.
E é, talvez, por iso ou debido a iso que antes de sinalar ou criticar preferimos falarvos da aventura creativa deste autor que se presenta no salón nobre da Deputación de Lugo. Juan Miguel de Prada leva medio século arredor da arte e merece largamente as nosas reflexións sobre a súa obra.
Prada foi, maioritariamente, considerado pola súa mestría na acuarela e iso correspóndese cunha parte da súa verdade creativa. Pero só unha parte, aínda que sexa a máis coñecida e divulgada. Coñezo a obra de Prada desde hai un cuarto de século e iso deume a oportunidade de ver o outro Prada, o Prada explosivo de mediados os anos 90, cando sen abandonar a constante realista da súa obra estalou con cadros flutuantes entre o expresionismo lírico emparentado coas fantasías de Chagall ou o máis arrebatado de Kandinsky, con toques de dadaísmo e exploracións na Nova Figuración. Todo realizado cunha formidable capacidade de descomposición e reconstrución do espazo: un verdadeiro labirinto onde aparecían os soños da razón e os pesadelos do subconsciente.
O resultado foi un espazo de tempo que se traduciu en varias obras que andan repartidas entre os coñecedores da súa tarefa, coleccionistas que souberon valorar o extraordinario do momento creativo, un acerto total.
Para outros, pode ter sido unha evasión lúdica ou un estalido pirotécnico casual, pero non foi así. Aquela abreacción creativa de Prada abriulle, desde entón, un novo territorio ao seu camiño. O sismo deixou pegadas na súa liberdade. Acentuou a súa vocación exploratoria.
Agora vós, espectadores desta Muestra-2015, poderedes ver esa nova xeografía onde a linguaxe cromática se pasea desde as súas clásicas acuarelas ata as Novas Figuracións, o Expresionismo, os divertimentos de color, as técnicas mixtas, os acrílicos, así como parte daquela catarse dos anos 90.
O importante é encontrar o diálogo con esas figuracións. E como dicía Quentin Meillassoux: "...todo lo que podemos pensar de o con un cuadro es parte de ese cuadro..." A intuición emotiva será o primeiro aviso de proximidade. O racional agrégase.
Esta é unha exposición aberta, sen sendas marcadas. Abarca moitos tempos e espazos. E dá lugar a moitos encontros: para sentir e pensar.
MANUEL ÁLVAREZ PRIETO, escritor-crítico de arte, setembro do 2015
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España