Descripción de la Exposición
Que fai un/ha creador/a no meu barrio? abre este martes ás 12 h no Centro Xove da Almáciga, a exposición que mostra os resultados deste proxecto coordinado pola empresa DARDO e financiado pola área de Cultura da Deputación da Coruña dentro da liña de axudas a proxectos singulares de interese cultural.
A exposición estará aberta ata o 3 de xuño e conta co apoio da Concellería de Acción Cultural e a Concellería de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela. Nela poderanse ver os resultados do traballo realizado no Centro Cívico de Caranza en Ferrol e no propio Centro Xove de Santiago de Compostela durante os días 26, 27 de xaneiro, 2 e 3 de febreiro e 25, 26, 27, 28 e 29 de marzo respectivamente.
Que fai un/ha creador/a no meu barrio? é un proxecto de carácter participativo, colaborativo, no que as creadoras e creadores se insiren no contexto, no medio cidadán, para traballar con pequenos grupos de persoas e entre todas e todos pensar outros espazos comúns posibles, outros aspectos dos nosos lugares de tránsito e uso cotián.
En Ferrol as xornadas foron conducidas por Juan Creus e Covadonga Carrasco de CREUSeCARRASCO arquitectos, que traballaron co grupo de inscritos a partir da idea do percorrido polo barrio. Os participantes foron quen de construír os seus propios traxectos marcando a partir da arquitectura, puntos claves de conflito e melloras no uso. As xornadas permitiron sacar á luz posibles reclamacións como a reivindicación dun parque público e melloras no planeamento urbanístico.Tamén se significaron os puntos fortes do barrio, a súa relación co mar, as novas infraestruturas que o dotan dunha identidade especial como o novo auditorio ou algúns exemplos interesantes da arquitectura do barrio. Ao tempo foi un espazo de recollida de datos sobre a memoria de Caranza, a súa transformación ao longo do tempo, ou os cambios nos usos e nas denominacións do espazo público.
En Santiago de Compostela, os integrantes do estudo de deseño Cenlitrosmetrocadrado traballaron en relación ao parque da Almáciga situado xunto ao Centro Xove e despois de varias xornadas de debate e planificación cos participantes, puxeron en marcha a construción do Kit de autoxestión veciñal, a partir do valado como elemento base. O kit está composto dunha parella de bancos con función de asento e escenario móbil, unha librería, mesa, asento e un taboleiro móbil. Todos os elementos teñen múltiples funcións e poden ser desprazados e instalados rápida e comodamente en calquera punto do centro ou do parque. Mediante a distribución e combinación das pezas de apoio, asento e almacenaxe, pódese improvisar un concerto, un foro, unha representación teatral, un merendeiro…
Formación. El 30 ene de 2025 / Fundación Juan March / Madrid, España