Descripción de la Exposición Unha das principais caracterizacións formais que se advirten na produción artística de Xaquín Chaves (Vilaxoán, 1959), é a construción dunha linguaxe dotada cunha forte carga intimista e persoal que, ó mesmo tempo, posúe unha validez de ámbito universal. A actividade expositiva deste artista comeza a finais da década dos 70. A mediados dos 80, participa en 'Artistas Galegos na Fronteira', unha mostra comisariada polo crítico e teórico Antón Castro, onde o conxunto da obra exhibida era homologable á que neses mesmos anos se podía ver nos principais centros artísticos do mundo. Esa exposición fíxose no castelo de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño, e tivo un afán integrador, xa que a selección de artistas contemporáneos galegos ampliaba, con nomes indispensables, a xa sólida lista dos 'atlánticos'. Durante eses anos e ata a década dos 90, Chaves organiza o seu discurso visual por medio dun expresionismo vigoroso e de plantexamentos cromáticos e xestuais singulares. Todo iso ó servizo dun tratamento celebratorio da paisaxe. Durante ese período, a súa pintura púidose ver en frecuentes mostras individuais e colectivas e tamén en bienais, entre elas as de Zamora, Albacete e a da Fundación Araguaney. A súa obra foi seleccionada para as edicións I e II da Mostra de Unión Fenosa, en cuxa colección institucional ten presenza. Na última década do século pasado, a obra deste pintor evoluciona cara unha abstracción tamén expresionista, que realiza en medio e gran formato. É unha etapa de intensa produción e de exposicións. Espazos institucionais, entre eles a Casa da Parra, en Santiago de Compostela e a Casa de Galicia en Madrid, ambas xestionadas pola administración autonómica galega, convídano a realizar mostras individuais. Neste período a súa obra é coñecida internacionalmente, en mostras de Francia, Portugal e Bos Aires. Na edición de 1998 da feira Arco, o Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa, presenta un cadro abstracto de Chaves en gran formato. Estes novos escenarios impulsaron a Chaves a concentrar o seu traballo nun novo e amplo estudio que constrúe en Lois - Ribadumia, na provincia de Pontevedra. Nesa mesma etapa, finais dos anos 90, comeza a colaboración coa galería 'Atlántica', da Coruña, con 'A materia da cor', unha mostra na que se advirte unha transcendente evolución da súa técnica cromática. Coa galería coruñesa participa en diferentes feiras da arte, 'Espacio Atlántico', en Vigo, 'Arte Sevilla', 'ArtMadrid' ou a 'Feira de Arte Contemporánea de Lisboa', entre outras. En 2003 e nas salas da Casa das Artes de Vigo, Chaves realiza a súa primeira exposición antolóxica, 'No bosque de trazos e Cronos', cunha selección de obras realizadas dende os anos 90. En 2005 e nas salas de Caixanova, tamén en Vigo, realiza outra mostra con obras recentes, nas que transmite unha atmosfera elaborada con referencias paisaxísticas de sutís matices emocionais. En Vilagarcía de Arousa e no ano 2008, organiza unha ampla mostra de pinturas, obra sobre papel e obxectos, en dúas localizacións. Para entonces, a súa produción xa ten presenza en museos e coleccións institucionais e privadas e volve a ser invitado a expoñer en Francia e, por primeira vez, en Holanda. Entre a súa obra máis recente figura a escultura pública. No ano 2008, e por encargo da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, realiza 'RosadoMar', unha escultura de gran formato, emprazada xunto o mar, nun peirao de nova construción. E no 2010, conclúe un traballo escultórico e de axardinamento na contorna do novo edificio multiusos do Concello de Catoira titulado 'Contrapunto'. No 2010 a súa obra viaxa a Alxer dentro da exposición itinerante dos fondos do MACUF, titulada 'La lumier conme pinceau'. Con anterioridade, no 2008, participa na 'Open Art Fair de Utrecht', e no 2010 presenta en 'La Maleta Galería de Arte de Valladolid' unha selección de obra sobre papel, e na galería Clérigos de Lugo os seus últimos traballos sobre lenzo.
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España