Descripción de la Exposición
Pensando cos pés, ese é o título no que englobamos a exposición na que colaboro como artista co Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) para conmemorar o seu XX aniversario.
A proposta partiu do referente que foi a campaña #Selpie, desenrolada en Vigo e A Coruña nos meses de Maio e Xuño deste 2017. Para comezar a traballar, tomei como base as fotografías realizadas durante a mesma, só aquelas nas que aparecen os pés nus, libres de todo accesorio. Quixen facer uns debuxos que nos achegasen directamente a eles, ós pés, sen outra interrupción visual, nun formato próximo ás imaxes xurdidas dun fotomatón. Deste xeito, ademáis de pór en valor as nosas extremidades inferiores, pretendía crear un momento de intimidade entre o público e a peza, tentando provocar unha reflexión no primeiro.
O traballo evolucionou á tridimensionalidade, con moldes de pés a escala real, que novamente buscan revalorizalos e provocar un pensamento dirixido aos mesmos. Así, as pezas foron formalizadas en resina de poliéster transparente, para atraer a mirada e concentrala nas figuras que saen dos cadros, que deben sen apreciadas con cercanía, para percibir tódolos matices. Outro grupo de pezas foi feito tanto en escaiola como en resina de poliuretano, en ámbolos dous casos, pintadas en dourado, xogando co valor do ouro e o valor dos pés.
Un terceiro grupo de debuxos en tinta china sobre papel de poliéster amósanos o movemento do pé, dende unha vista frontal ata o xiro sobre as puntas dos dedos, facendo patente o movemento e a tensión que se xera co mesmo.
Por último, a peza máis grande da exposición busca a colaboración do público. É unha obra en proceso, sen rematar. Nela vense as pegadas dos pés nus da artista con diferente carga matérica de tinta negra. Eles xeran o ritmo da parte que vai na parede e se prolonga un anaco ó chan, onde debe ser rematada coas pisadas do calzado da xente que visite a sala. Os restos de pó que cadaquén trae nos zapatos deixan un rastro de pegadas cun ritmo máis aleatorio, que contrasta coa formalidade da parte suspendida no muro. As luces e sombras xéranse pola mestura de diferentes pisadas con diferente carga matérica, creando cadencias con zonas luz e sombra.
Noemí Lorenzo Pérez
Exposición. 15 oct de 2018 - 31 oct de 2018 / A Vella Fábrica de Lápis / Ferrol, A Coruña, España
Exposición. 03 nov de 2017 - 27 nov de 2017 / Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) / Lugo, España
Formación. 08 may de 2025 - 17 may de 2025 / Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) / Madrid, España