Descripción de la Exposición ------------------------------------------------------- ------------------------------------------------------- O debuxo existe dende a arte rupestre paleolítica ata a actualidade, directamente relacionado coa necesidade do home de plasmar ou representar imaxes reais ou imaxinadas. É unha disciplina importante, especialmente na arte contemporánea, utilizada como medio de expresión por moitos creadores grazas ás súas posibilidades expresivas; non obstante, foi infravalorado nas belas artes pola concepción ou consideración exclusiva de ferramenta auxiliar, de aprendizaxe ou de simple representación previa, relegado a un medio, non como un fin en si mesmo, ata que pouco a pouco acadou a súa plena autonomía como forma de expresión plástica. A revalorización do debuxo, coas teorías dos neoclásicos (s. XVIII), veuse incrementada polas súas posibilidades creativas coa utilización dunha grande diversidade de medios (instrumentos e materiais): xices de cores, lapis, acuarela, plumiña, tinta... e soportes (distintos acabados de papeis...). Tamén se incrementaría o coleccionismo público e privado dos debuxos de grandes mestres e debuxantes, sobre todo do século XVII en diante, aínda que serán os propios artistas, dende o século XIX, os que utilicen o debuxo como feito autónomo de creación artística: Cezanne, Picasso, Matisse, Mondrian, Dalí, Bacon, Pollock..., dende distintas posicións estéticas, terán unha gran produción debuxística. Algúns investigadores establecen o século XX como o da plena independencia do debuxo da pintura, obtendo o seu propio espazo de expresión/creación artística. Nesta exposición, baixo o lema de 'O debuxo na arte galega contemporánea', fixemos unha representativa escolma situando primeiro os creadores nacidos no século XIX, comezando polo artista galego de máis sona tanto pola súa calidade artística como polos recoñecementos acadados: Pérez Villaamil; encadrado no romanticismo, representa temas de gusto decimonónico cunha especial mestría no xénero da paisaxe, coas características panorámicas abertas, ás veces de xeito costumista e logo con postulados plenamente románticos. Outro artista baixo esta premisa cronolóxica é Avendaño quen, dende a base dun debuxo coidado con paisaxes de influencia romántica, chega a uns efectos lumínicos e cromáticos preimpresionistas que se potencian na súa pintura. Lloréns xa se distancia a nivel compositivo do século XIX, amosando dende a base realista ou posromántica un achegamento ao estudo da luz e da atmosfera máis preto das novidades artísticas parisienses. Bello Piñeiro tamén se interesou pola paisaxe como se aprecia no debuxo de casas onde se observa un primeiro plano que encadra a escena e un interese pola profundidade no segundo plano. Outro paisaxista, tamén á cabalo entre os dous séculos, é Abelenda que aquí amosa o seu gusto polos detalles dunha arquitectura do medio rural galego baixo a perspectiva melancólica da ruína. No debuxo de Alfredo Souto vemos a minuciosidade e calidade das súas obras, características que logo influirán no gran talento do seu fillo Arturo. Corredoira é un artista que comeza con influencias de Zuloaga e Sorolla tal e como se albisca no debuxo con escena de mariscadores, chegando logo a unha orixinalidade estilística de corte espiritual /neogótica. Máximo Ramos foi un gran debuxante e ilustrador cun carácter inquedo e renovador que lle aplica á súa obra. Federico Ribas tamén era un importante ilustrador que nestas obras xa amosa unha boa técnica debuxística. En xeral, no transcurso da primeira metade do século XX, na arte galega hai escasas referencias ás primeiras vangardas artísticas europeas, agás o caso de Maruja Mallo da que se amosa unha soa obra pero moi ilustrativa. No panorama artístico, en consonancia cos movementos nacionalistas do primeiro terzo do século XX, aparece a cotío a presenza da terra coas súas tradicións, costumes e xentes recuperando formalmente a tradición barroca e medieval tan presente en Galicia, pero dende o punto de vista das vangardas europeas, fuxindo das sinerxías de salón, das exposicións nacionais ou das visións costumistas e folcloristas. Os resultados foron moi variados, pero a idea era o desenvolvemento dunha arte galega, tal como incentivaba Castelao. Este insigne home foi un magnífico debuxante que primeiro bebe nas fontes do modernismo galego e do debuxo costumista para logo primar nas súas obras a denuncia social e o minimalismo compositivo sobre todo nas irónicas caricaturizacións. Nos debuxos de Castelao vemos, tamén, unha tendencia ás liñas sinxelas sen aditivos 'que potencian a expresividade da mensaxe' implícita ou literalmente expresada na lenda que ás veces acompaña o debuxo. Bello Piñeiro tamén segue a estela dunha arte galega, como di J.L. López Vázquez, 'cun estilo, tema, técnica e alma netamente galega cargado de emoción e sentimento con gran dominio do debuxo '. Castelao, Bello Piñeiro e tamén Abelenda amosan, nestas obras, a súa querenza pola terra e a xente con paisaxes de corte emotiva pero con representacións minuciosas, sexan visións xerais ou detalles. Manuel Torres herda de Maside as formas e motivos de tradición galega, igualmente coa intención de universalizalos a través do uso de distintos xéneros; a súa obra é moi variada e de inspiración popular. Colmeiro, Seoane, Laxeiro 'Os novos' universalizan a arte galega sendo os renovadores e precursores dunha figuración moderna que tamén se achegará ás veces cara á abstracción, xa nos anos 50. Este desenvolvemento e apertura frustrouse coa guerra civil que abocou á emigración ou ao silencio a moitos artistas galegos. Todos os devanditos foron grandes debuxantes. Colmeiro, co influxo da Escola de París -como Lago Rivera- parte da realidade para ofrecernos unha visión subxectiva da súa terra e a súa xente con paisaxes, escenas e retratos de fonda raizame galega a través dun costumismo reinventado que deriva en obras de especial interese. Arturo Souto tivo gran sona como debuxante de denuncia social, igual que Castelao, nos anos previos e durante a Guerra Civil, fóra da visión máis intimista ou idealizada de Colmeiro. Logo, no exilio, segue asimilando influencias e personalizando un estilo único que o converten nun dos artistas galegos máis destacados da súa xeración. Tamén Laxeiro ten unha gran produción gráfica, cunha figuración de corte máis imaxinativa con influencias neoexpresionistas pero de inspiración similar, o que deriva nunha traxectoria orixinal e singular coa base dun gran dominio do debuxo. Seoane foi o verdadeiro representante das vangardas na arte galega pola súa busca constante, sempre dende o compromiso social; nos seus debuxos destacan as liñas sinxelas, as cores puras e a inquedanza por experimentar con novas técnicas, formatos e estilos. Despois da Guerra Civil, nun ambiente influenciado polo hermetismo da posguerra, convivirán visións tradicionais anteriores con outras lixeiramente tinguidas de novidade, como é o caso de Julia Minguillón, que deriva nun 'naturalismo lírico estilizado' a través dun gran dominio do debuxo presente nas obras expostas na mostra. Continúan visións clásicas de paisaxes e monumentos, como as do gran debuxante e minucioso gravador Castro Gil, con outras dun realismo máis moderno, como as do escultor Cristino Mallo do que se amosan debuxos/bosquexos. Fóra de Galicia desenvólvese o surrealismo con Maruja Mallo e os irmáns Fernández Granell, no exilio. Maruja Mallo e Eugenio Granell danlle unha gran importancia ao debuxo e á ilustración dende unha estética contemporánea máis xeometrizante ou onírica. O único representante galego da abstracción, na década dos 50, é Mampaso, cunha gran actividade debuxística; é pioneiro dende Madrid desta alternativa artística, pero nesta mostra está representado cun debuxo de aprendizaxe procedente dos seus comezos. A partir dos anos 60, primará a neofiguración, sen esquecer o expresionismo e a total apertura ás vangardas artísticas mundiais. Neste marco temporal, tamén se desenvolve esa nova figuración con influencias expresionistas en obras de Sucasas ou Abelenda; concretamente Sucasas agudiza o sentido expresionista e de crítica social na súa obra pictórica, dándolle sempre moita relevancia ao debuxo. Xaime Quessada é un dos 'artistiñas' de Vicente Risco, que evoluciona constantemente entre a abstracción e a figuración surrealista. Finalmente, o lucense Tino Grandío tal como di Antón Castro 'a pesar do seu sentido esquemático e elíptico foi un extraordinario debuxante, capaz de suxerir as figuras, escenas e espacios máis complexos coa teoría minimalista do menos é máis'. Con esta pequena mostra faise unha lectura pola produción debuxística de vinte e cinco artistas senlleiros da arte galega contemporánea, algúns a cabalo entre os séculos XIX e XX e os demais nacidos na primeira metade do século pasado. Esta selección axuda a comprender a historia desta expresión artística e as posteriores achegas xurdidas das vindeiras xeracións. No marco cronolóxico devandito destaca a innovación do primeiro terzo do século XX, séguelle logo a paréntese da posguerra, na que hai que seguir a traxectoria da arte galega polo exilio, cun certo renacemento a mediados do século e a partir de aí a incorporación ou a apertura progresiva á arte como feito universal. Tamén nos dá a posibilidade de observar distintas formas de creatividade en consonancia ou non cos movementos artísticos en vigor, en cada momento, dende un ímprobo esforzo de síntese por mor do espazo dispoñible. É unha escolma froito do coleccionismo particular que se achega ao MPL para o desfrute público e gratuíto de todos os seus visitantes, podendo ver dende bosquexos preparatorios ata debuxos rematados, elaborados en distintas técnicas, formatos e materiais mesturando debuxo tradicional e de vangarda dentro dun mesmo obxectivo: a creación artística. En definitiva, esta exposición colectiva amosa obras, algunhas inéditas, que durante un tempo complementarán a sección de debuxo e gravado galego da colección permanente do MPL (salas 24 a 27), coa principal finalidade de contribuír á difusión da arte e dos artistas galegos dialogando e contextualizando os fondos propios desta institución museística.
Artistas: Pérez Villamil (1807-1854), Serafín Avendaño (1838-1916), Alfredo Souto (1862-1940), Francisco Lloréns (1874-1948), Máximo Ramos (1880-1949), Bello Piñeiro (1886-1952), Castelao (1886-1950), Manuel Abelenda (1889-1957), Corredoira (1889-1939), Federico Ribas (1890-1952), Castro Gil (1890-1952), Colmeiro (1901-1999), Manuel Torres (1901-1995), Maruja Mallo (1902-1995), Arturo Souto (1902-1964), Julia Minguillón (1906-1965), Cristino Mallo (1905-1989), Laxeiro (1908-1996), Luís Seoane (1910-1979), Eugenio Granell (1912-2001), Lago Rivera (1916-1990), Mampaso (1924-2001), Tino Grandío (1926-1977), Xaime Quesada (1937-2007), Alfonso Sucasas (1940-2012).
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España