Descripción del Premio
Hoxe entregouse no Concello de Santiago de Compostela e en presenza do Alcalde Sr. Don Xosé Manuel Sánchez Bugallo o II Premio Plataforma ao artista Rodríguez-Méndez como recoñecemento a súa carreira dedicada á arte contemporánea e pola súa aportación ao universo da performance.
Despois do primeiro premio Plataforma entregado o ano pasado a La Ribot recoñecendo a súa traxectoria dedicada á performance, este ano o Premio Plataforma á traxectoria artística vencellada ao mundo da performance foi para o galego Carlos Rodríguez – Méndez (As Neves, 1968).
Na entrega do premio creado para a ocasión pola ceramista Verónica Moar, estivo presente o Alcalde de Santiago de Compostela Sr. Don Xosé Manuel Sánchez Bugallo quen salientou o compromiso da cidade coa arte contemporánea.
Os directores do festival Plataforma, David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo sinalaron a figura de Rodríguez Méndez como o nexo entre a dimensión conceptual do proxecto, a materialidade da escultura, e a acción performativa que expresa e dinamiza a experiencia física das súas obras.
Santiago 28/6/2022
Esta mañá tivo lugar no Concello de Santiago de Compostela a entrega do II Premio Plataforma á traxectoria artística no eido das artes performativas. En presenza do Alcalde de cidade e dos concelleiros e grupos da oposición, fíxose entrega da pedra deseñada pola ceramista Verónica Moar, que ven a simbolizar a aposta do Concello de Santiago de Compostela e do festival Plataforma polo apoio ás prácticas das artes performativas e de acción.
Rodríguez-Méndez traballa en proxectos nos que implica diferentes linguaxes e que analizan os principios materiais da propia escultura e da experiencia esencial e física do home. Unha aproximación ao nexo entre acción e escultura e ao equilibrio de materiais e influencia enerxética entre ambas.
O uso de cilindros, turba e aceite, o son, palabra e corpo interpretadas como formas e materiais inabarcables, como xeometrías elementais e absolutas, cuestionan e alteran o proceso de construción e a decisión sobre o termo dunha obra. Rodríguez-Méndez intervén sobre a incorporeidade do material e a condición aberta e latente das súas obras, nun xogo de perdas e restitucións que testemuñan a presenza definitiva e esencial de vida e cambio.
Na recén rematada III edición de Plataforma Rodríguez Méndez desenvolveu xunto á poeta Chus Pato un proxecto difícil e apaixonante, facendo unha lectura de todos e cada un dos 900 proxectos (realizados ou irrealizados) que compoñían os cadernos que o artista entregou a Chus Pato para que durante un ano, os fora comentando. Este proxecto de carácter experimental, tiña xunto á lectura, tamén a condición da realización dalgúns deses traballos, escollidos pola propia Chus Pato, durante os días de duración do festival.
No Teatro Principal, na voz da poeta, puidemos aprender dun ritornello de voz, accións e imaxes, que o traballo de Rodríguez Méndez xira en relación a cuestións fundamentais da natureza humana, como son a a morte, a enfermidade, ou o illamento, pero tamén arredor da vontade do home, da importancia da natureza e o corpóreo, da familia, de cuestións mínimas, cotiás e á vez absolutamente transcendentes, pero sobre todo do pulso da vida.
En palabras dos directores do festival, “cando proxectamos a programación de Plataforma pensamos en facelo para devolver á cidade de Compostela, un pouco do que ela mesma nos da; pensando en facer o que mellor sabemos facer, que é apoiar, dende as nosas posibilidades, a creación e o fortalecemento do tecido cultural axudando a que a vangarda teña un lugar especial dende o que proxectarse, para que Compostela siga sendo un referente na aposta pola cultura a nivel europeo. Plataforma é un festival de riscos, de apostas, de compromiso coa produción artística, e sobre todo, un festival no que nos gusta tecer redes: redes de traballo entre os artistas participantes para que poidan sacar adiante novos proxectos, aquí e fora das nosas fronteiras; redes entre institucións, porque pensamos que a suma e a única posibilidade de acción para a cultura contemporánea; e redes de públicos, que se achegan moitas veces, por primeira vez, á arte contemporánea ou a arte performativa, dende a esta Plataforma que queremos seguir construíndo.”
Este premio é o segundo outorgado polo festival ao recoñecemento á traxectoria artística. Na pasada edición o premio foi a mans da artista e bailarina de recoñecemento mundial La Ribot.
Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968) é licenciado en BBAA pola Universidade Complutense de Madrid. Exerceu como docente na UEM (Universidade Europea de Madrid) entre os anos 2005- 2011, (Departamento de Escultura).
A súa obra expúxose de xeito individual en centros coma o Museo S.M.A.K. de Gante, Bélxica, o MARCO de Vigo, Matadero Madrid, no Ateliê Fidalga de Sâo Paulo, Brasil, na galería Kiosko de Santa Cruz de la Sierra, Bolivia, na Casa Velázquez de Madrid, na Sala Intermedia de Matadero Madrid, no Instituto Cervantes de Madrid. Participou en exposicións colectivas no CA2M de Móstoles, no CGAC Santiago de Compostela, na Fundación Artos, Chipre, no MAC Museo de Arte Contemporáneo da Coruña, nos estudos Rolf Hofmos en Oslo, en Montehermoso, Vitoria Gasteiz, no IVAM, na CaixaForum de Barcelona, no Contemporary Arts Center en Cincinnati. Ohio, USA, na Yaddo Foundation de Nova Iorque, no CentroCentro e en Tabacalera, Madrid, no MARCO de Vigo e as galerías Vilaseco da Coruña, L”! Gallery de Mallorca, a galería Rosa Santos de Valencia e a Korjaamo Gallery, de Helsinki. Finlandia. Recentemente no CGAC, no Conde Duque de Madrid, en Las Cigarreras de Alicante, el CCC – (Centre del Carme Cultura Contemporània), Valencia, e as edicións da feira de Arte Contemporáneo ARCO 2017/18/19/20/21/22 coa galería Formato Cómodo, Madrid e en ArtsLibris/ARCO 22 coa Galería Vilaseco, A Coruña.
Foi recoñecido coas Axudas á creación en Artes Visuais do Comunidade de Madrid, Bolsa da Fundación Botín, as Axudas á Creación Contemporánea de Matadero Madrid, as Bolsas Iniciarte da Xunta de Andalucía, a Fundación Bilbao Arte e a axuda á promoción da Arte Española do Ministerio de Cultura. Bolseiro tamén pola Fundación Arte e Dereito e invitado ao programa de Residencias na Yaddo Foundation de Nova York, residencia Kiosko en Santa Cruz de la Sierra en Bolivia e ao Atelié Fidalga de Sâo Paulo. Actualmente outorgáronlle o premio “Connexio, espazos para a reflexión” e as axudas á produción da Xunta de Galicia 2020.
Premio. 01 jun de 2022 - 01 jun de 2022 / Santiago de Compostela, A Coruña, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España