Descripción de la Exposición
Natasha Lelenco (Moldavia, 1982) presenta no Espazo de Arte Os Catro Gatos, sito no número 13 da compostelá Rúa das Rodas, a sua nova serie pictórica titulada “Fetiches” unha exposición de lenzos de pequeno formato na que propón unha reflexión sobre a imaxe e a memoria a través dos obxectos e referentes visuais da cultura popular.
Comunmente etiquetado como “arte non arte”, “arte popular” ou directamente, “mal gusto”, o Kitsch interesa a Natasha Lelenco, segundo afirma no texto que acompaña a exposición “como evocación e fascinación polo pasado, como un xeito de idealización que conecta co xeito no que adoitamos idealizar a infancia”.
Para a realización desta serie, a artista de orixe moldava, recorreu a elementos visuais do imaxinario popular do seu fogar natal en Chisinau nos derradeiros anos da Unión Soviética, unha sorte de galería de fetiches familiares que conformou o seu repertorio visual e que hoxe, afirma “conforma a imaxe dos recordos daquela época”.
Máis alá dos referentes íntimos da serie, afirma a autora que “estas pezas naceron nunha tripla confluencia de circunstancias persoais e globais, por unha parte o regreso a Galicia logo dunha viaxe a súa cidade natal, a mudanza á cidade de Ourense que actualmente acolle o seu obradoiro, e o contexto de crise pandémica co telón de fondo da crise climática.”
A exposición poderá verse ata o 11 de decembro en horario de martes a sábados, de 18 a 21 h.
A exposición inaugúrase o día 13 de Novembro entre as 18 e as 21 horas.
Esta é a segunda exposición da artista en Santiago de Compostela, logo do proxecto “Adopta un Señor Importante” que expuxo no mesmo espazo no ano 2017.
Natasha Lelenco
Orixinaria de Chisinau, Moldavia (1982) realiza a súa formación en Rumania, onde se licencia en Belas Artes pola Universidade de Cluj Napoca. A partir de 2009 establécese en España onde realiza diversos traballos de fotografía, vídeo e ilustración para compañías de teatro, festivais, institucións ou particulares. Dende 2016 dedícase á creación e produción da súa obra artística persoal, a súa práctica pictórica é unha aposta polo figurativo, aínda que desde unha perspectiva ampla. A súa obra púidose ver en feiras de arte como JustLX en Lisboa (Portugal), HybridArtfair en Madrid (España) ou ArtsLibris en Barcelona (España); festivais internacionais como I Trienal Pictórica de Tijuana (Mexico); Nordart en Büdelsdorf (Alemaña) ou HybridFestival (Madrid) e en diferentes localidades de España como Santiago de Compostela, Alacante, Madrid, Barcelona, Cáceres, Lugo ou Ourense, cidade galega onde actualmente reside.
www.natashalelenco.com
Contacto para entrevistas e ampliar información: 630753448
Fetiches
Estas pezas xorden nun momento no que confluíron dúas circunstancias particulares e unha global: a reconexión co meu pasado logo dunha viaxe de ida e volta ao meu país de orixe, Moldavia; a instalación nunha nova vivenda e cun obradoiro de traballo no que recuperei a afección que a miña nai tiña por coidar plantas de interior e a situación global de crise sanitaria co fondo da crise climática que o atravesa todo.
No contexto destas circunstancias, afondei no meu interese por un dos aspectos máis desprezados da arte, o Kitsch, a arte popular, o mal gusto. Coa súa aparente trivialidade e obsolescencia, o Kitsch é tanto técnica como esteticamente un dos signos máis representativos da modernidade (e da pos-modernidade, of course), un produto máis dun momento histórico no que a beleza é socialmente distribuída como calquera artigo adscrito a leis de mercado.
O Kitsch é en si mesmo evocación e fascinación polo pasado, un xeito de idealización que conecta moito coa forma na que adoitamos construír o relato da infancia e, nesta medida, conecta coa intrahistoria da miña formación visual, e como non, coa de todas. Na miña casa, como nas demais casas do Chisinau soviético, un humilde apartamento de 43 metros cadrados, podería faltar de todo, pero non os bibelots, reproducións de pinturas dos museos Hermitage ou Tretyakov a toda cor, plantas exóticas, tapices e demais obxectos de ganga que a nosa mirada enchía de sentido e de valor e que hoxe poñen imaxe á nosa memoria daquel tempo.
Non deixa de ser interesante a fascinación por estes obxectos de raizame cultural coma se foran unha necesidade irrenunciable para familias en situación de precariedade económica, en tanto que elementos imprescindibles para crear fogar e sentimento de pertenza naqueles cubos grises de formigón da arquitectura civil que habitaban.
Estas pezas están construídas con imaxes persistentes da miña memoria e conforman, a partir do fetichismo arredor de obxectos, flores e retratos, un xeito de mapas do tesouro, mapas que, se cadra, non levan a lugar ningún, pero cos que pretendo entrever a volatilidade do que entendemos por beleza e a existencia de territorios libres, desprexuizados e desexosos de cor, que parten do popular e que, dalgún xeito, son os que definen a imaxe dunha época.
Natasha Lelenco
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España