Descripción de la Exposición
Coma unha eclipse, a guerra escureceu Siria no 2011. Oito anos de bombas, mortes e desesperación que parecen un suspiro en occidente.
Ali Ali (Al Hassake, 1974) é un artista sirio establecido na Coruña desde o 2003. Como calquera artista vivindo lonxe da súa familia, viaxaba habitualmente á súa terra natal afianzando proxectos en ambos países e enriquecendo o seu medio coas súas dúas culturas: a de nacemento e a adquirida.
Desde o 2011, a guerra impide que volva a Siria. Xa non existe Siria; polo menos, a súa. Perdeu a maior parte da súa familia e as bombas arrasaron a súa aldea, entre os ríos Tigris e Éufrates, a antiga Mesopotamia. Este exilio forzoso e a chegada de noticias tan devastadoras, precipitaron un rotundo cambio en temáticas e paleta de cores. Propúxose, sen querelo nun principio, presentarnos a realidade que desola o mundo e que edulcoramos en occidente para non sufrir… ou para non sentirnos culpables.
Eclipse Siria abriu as súas portas no Palexco da Coruña no 2017. Unha exposición monumental e emotiva que se converteu en itinerante co único obxectivo de concienciar á maior cantidade posible de persoas en torno á guerra. Este conflito segue en activo e nesgou xa demasiadas vidas como para deixar que o tempo a borre das nosas conciencias.
Ali Pintor:
Con cores cálidas e mesturadas, Ali realizou desde os seus comezos na facultade de Belas Artes, obras pictóricas cheas de doces recordos da infancia, fantasías, paisaxes oníricas ou imaxinadas, case sempre inspiradas nas máis fabulosas historias da tradición oral árabe. Unha marca intimista que envolve ó espectador e o fai cómplice de certas chiscadelas, toques de humor, ou realidades escondidas entre os personaxes de grandes ollos, os fondos sen contexto e símbolos culturais tradicionais.
Un bo exemplo da súa pintura colorista, é “Renacer”, colocada nun dos laterais das escaleiras. Unha cidade imaxinada énchenos de fantasías, de historia e de mundo árabe. En palabras de Ali “Damasco ten debaixo sete Damascos máis, eu quero pintalos todos”. A riqueza dun lugar, condensado nunha pintura non realista, senón, onírica e subxectiva.
As pinturas que ocupan tódalas demais paredes da exposición, corresponden ó período de guerra. As tres obras centrais na parede principal aluden cruelmente á maternidade: A nai do artista, falecida na guerra, unha muller aleitando a un bebé moribundo e unha muller en avanzado estado de xestación deixando un fío de esperanza.
Tempo de exilio, tempo de eclipse.
As dúas obras monumentais, a cada lado da parede mostran o masacre humano e cultural que acontece durante calquera guerra. Unha alfombra, símbolo inmediato dos países árabes, está a medio queimar, mentres tanques se acercan ameazantes. No lado oposto, un francotirador apunta a figuras humanas con xestos infantís e cores rechamantes. Este contraste de estilo naif con temática dolorosamente pesada, é un trazo repetido do estilo de Ali.
Ali gravador:
Unha invitación para representar Siria na feira de gravado “Estampa”, en Madrid, tróuxoo a España. Máis tarde, foille concedida unha bolsa de estudos pola Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos para ser alumno e posteriormente profesor. Ali realiza litografías e calcografías de tirada curta coas mesmas características temáticas que as súas pinturas.
A selección de gravados que encontramos nas paredes contiguas ás portas de cristal están realizados en Siria. Son anteriores á guerra. Anteriores á súa vida a España. Temáticas costumistas, de natureza e vida, de relixión e tradicións… E tamén de ditaduras, dificultades e tristezas que, como toda sociedade, ansiaba solucionar dunha maneira menos cruenta.
Contamos nesta exposición tamén co impresionante libro de litografía sobre pedra en cor “Suleiman y Salúa”. Trátase do libro do artista máis grande do mundo e conta coa colaboración do escritor Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956). Imaxes e texto, son historias tradicionais desa zona do país, bañada por un gran lago salgado. A nai de Ali contáballas a miúdo durante a súa infancia, por iso é un libro cargado de fantasía e tenrura.
Temos aquí unhas salas que, malia estaren cheas de dor, albergan tamén unha esperanza: A deste artista valente que pretende chamarnos a unha reflexión colectiva na cidade de Ourense. Para que esa eclipse se complete, e a claridade reapareza en Siria.
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España