Descripción de la Exposición
A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 40 obras de 19 artistas galegos que contan cun amplo recoñecemento tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. «A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración» incide na achega cultural do fenómeno migratorio e a influencia que exerceu esta experiencia vital na evolución artística de cada un dos creadores escollidos.
O percorrido parte dunha das figuras chave na historia da arte galega: Castelao, cunha presenza da emigración constante na súa obra. A través del chégase a un segundo núcleo expositivo constituído polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando falamos da arte galega á outra beira do Atlántico. A través das súas obras podemos observar como evoluciona a súa produción artística, en que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.
A exposición finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara a Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades coma Nova York ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora con creacións que forman parte da mostra.
RELACIÓN DE AUTORES
Isaac Díaz Pardo // Castelao // Manuel Pailós // Manuel Colmeiro // Luís Seoane // Laxeiro // Angel Botello // Arturo Souto // Eugenio Granell // Isaac Díaz Pardo // Tino Grandío // Mario Granell // Manuel Mampaso // Manuel Molezún // J. M. Labra // Luis Caruncho // Tino Grandío // Jorge Castillo // Antonio Lago Rivera // Leopoldo Nóvoa
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España