Descripción de la Exposición
Como os malditos do rock and roll, Fernando Casás e Juan Fernando de Laiglesia intérnanse no espazo da Sala X de Pontevedra para ensinarnos, coa súa última obra plástica, que a arte non entende de idades. Artistas ambos e profesores da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ao alcanzar os setenta anos propóñense mostrar, nun espazo compartido, algunhas obras que son como rexistros que presentan o frescor dun tinto de verán.
Juan Fernando de Laiglesia desenvolveu a súa traxectoria artística desde os anos setenta, analizando pouco a pouco tres tipos de figuración: gráfica e épica, ata finais dos oitenta, e simbólica a partir dos noventa. Foi perfeccionando obsesivamente a exploración dos obxectos como disparadores semánticos. Así, desde as instalacións interactivas ("Canis absconditus, Sala X, 2007, Pontevedra), ata as propostas de prototipos simbólicos ("Telescopio transparente", Sala Erdel, 2009, Regensburg), proponse a construción de sorpresas experimentais con materiais encontrados ("Seis fisterras de auga", Alterarte, 2016, Ourense). Nas exposicións recentes está centrándose en tres liñas simultáneas: SN (a Supervivencia do Nómada), CA (a composición azarosa) e MGE (a mirada xeoesférica) coas que espera cumprir nos próximos anos o sentido dos diferentes camiños percorridos.
Neste mes de outubro, (Sala X, 2016), grazas a unha intensa conversación con Fernando Casás ao longo de seis meses, móstrase un resumo das diferentes solucións sobre morfoxénesis e ensamblaxe que foron realizadas durante os últimos vinte e cinco anos, período vital no que compartiu con el a aventura de ser profesores de Belas Artes. Presenta dous grandes ensamblaxes biomórficos, unha pintura de gran formato resolta por transparencia simultánea de dous imaxes, e outros exercicios visuais e mecánicos de construción das formas nos que o espectador participa activamente.
Pola súa banda, Fernando Casás é un artista experimental que vive entre o Brasil e España, mantendo estudios en ambos países. Convivir co bosque tropical, onde a erosión e o ciclo da vida evidencian a lei do eterno retorno, propiciou que Casás desenvolvera unha obra que, sempre desde a investigación, virase cara o paso do tempo e á memoria. Na actual exposición presenta dúas obras que se complementan: "Ouvindo Estrelas", telas cósmicas fosforescentes; e "Un outro xardín para Marte", reflexión que o artista ven facendo sobre a posibilidade de supervivencia da vida tal como a coñecemos.
Exposición. 17 dic de 2024 - 16 mar de 2025 / Museo Picasso Málaga / Málaga, España
Formación. 01 oct de 2024 - 04 abr de 2025 / PHotoEspaña / Madrid, España