Descripción de la Exposición ------------------------------------------------------- ------------------------------------------------------- Os propios artistas introducen esta intervención coas seguintes palabras: «É a viaxe poética dos autores a través da manipulación do BARRO como soporte de sensibilización da cerámica como arte contemporánea. Durante o seu transcurso, que se materializa no conxunto presentado, encontrámonos cos binomios arte e técnica, creatividade e simbolismo, expresión plástica e estética, tradición e modernidade, que nos permiten a ruptura das normas establecidas e a concreción dos soños a partir dun material supostamente tradicional, xerando unha forte presenza plástica no contexto desa presentación. A linguaxe e a presentación das obras son viaxes por texturas e carácteres impresos máis ou menos pictóricos, que envolven un complexo abano de materiais cerámicos. Tamén é importante salientar a procura de incluír como soporte de creación artística, a técnica usada nos murais de 'Lapis lázuli'. Tomando a limitación propia como punto de partida, o proxecto divídese en dous: con TEXTO e sen TEXTO. Os murais en azulexos son espazos con virtudes expositivas que merecen a construción de interpretacións sen barreiras. Os grupos escultóricos sen prolongación das temáticas existenciais do traballo desenvolto en épocas anteriores, é unha tentativa de diálogo co lugar que as acolle. Esta abordaxe permitiu unha concreción singular e é o resultado do movemento de interdependencia e simbiose manifestado nunha plataforma de colaboración artística. Todo é pretexto...» ---------------------------------------- Pasear entre as palabras en expresión dos artistas portugueses Marisa Alves e Joaquim Pombal. As palabras dos poetas gravadas con lume nos materiais cerámicos das instalacións. Auga, lume, ar e terra, elementos milenarios, nos aneis que lembran non só metaforicamente aqueles do tempo inscritos nos troncos das árbores e noutras formas desta fermosa natureza que nos acolle. Textos con distintas voces, compartindo texturas e intencionalidade en liberdade. Compartindo tamén amizade nun fluír constante que todos habitamos. Poemas de distintos autores, países e linguas pero co mesmo amor polo arte e a vida ó igual que nos propios artistas que forman o proxecto. A exposición consta de obras que combinan distintas formas de expresión artística tendo como base a reivindicación da cerámica como recurso expresivo da arte contemporánea. Todas elas foron seleccionadas -e algunha premiada- en distintas bienais internacionais pero nunca ata este momento foron mostradas xuntas. A experiencia inicial vinculada ó land art nalgúns casos da lugar a distintas obras que teñen a Arte como acontecemento vital que tende redes de acción social e de encontro coa Natureza. Con cada un dos seus proxectos existe a intención de vincularse ó todo natural do que formamos parte e de crear paralelamente actos cunha dimensión cidadá que implican un tipo de experiencia colectiva, crear as circunstancias para poder conversar, pasear ou facer actividades xuntos. Todo esto supón algo importante: resistirnos á pasividade que nos enreda de mil formas enganosamente fascinantes facéndonos perder sempre algo, voltando os nosos pasos un pouco máis alleos a nós mesm@s. A golpe de iniciativas cidadáns e institucionais facer posible un mundo onde a enorme diversidade natural e humana non se perda por non ter oportunidades, non mute en desidia ou esquecemento. Utilizar a actividade artística como lazo tendido entre as persoas para reforzar vínculos, para crear non só obras senón tamén situacións sociais positivas. Vivimos nun mundo en cambio e as formas de ver, os conceptos para comprendelo, tamén cambian. Os limites do noso universo simbólico quebraron e son precisas novas claves non só para expresarnos senón tamén para comprendernos, reinterpretarnos a nós mesm@s quizais, incluso, construírmonos de novo como sociedade neste mundo en crise. Eses conceptos empregados tradicionalmente amósanse insuficientes para conter o dinamismo que envolve a nosa vida. Biolóxica e culturalmente somos fundamentalmente ópticos, potenciar a vista sobre os demais sentidos supón oportunidades mais tamén perdas, dimensións da nosa existencia e dos ámbitos afectivos, emocionais e de sensibilidade asociados desaparecen. Na era das autopistas da información a fraxilidade humana mantense coas carencias seculares quizais incluso mais intensamente que noutros momentos históricos. Todos os códigos cobran urxencia e mutan en formas e sínteses rompendo as fronteiras que os separaran... mais realmente eran tan distantes? Non responden as mesmas inquietudes humanas de dar sentido ó misterioso da vida? De tentar habitar o caos mais docemente? 'Dicir' non é falar, mais os nosos días confunden ambos planos. Dicimos pouco aínda que falamos moito, gastamos as palabras e tamén, pese a ser menos conscientes deles, os restantes códigos. Habitamos lonxe do esencial e coñecemos ben o prezo que pagamos cada día en ansiedade. Xa Platón falaba da necesidade da harmonía, antropolóxica, ética e politicamente esa harmonía era o equilibrio, a xustiza que xurdía cando cada parte da alma ou da sociedade cumpría coa virtude que lle é propia, natural. Aristóteles aconsellaba o xusto termo medio...e a necesidade de achegar as distintas artes pois todas responden ó mesmo. No século XX a filósofa María Zambrano chamaba á razón poética e ás artes para acompañar filosofía e vida En todas as culturas existiron mostras da utilización de canles diversas para camiñar o mundo interior humano. Dende as orixes mais remotas da linguaxe escrita ata os caligramas dun Apollinaire, dende Mesopotamia ata ás culturas maias, incas ou aztecas, en Exipto e Grecia ou en China e na India, os humanos nunca puideron subtraerse do encanto de indagar no profundo volvendo fráxil calquera fronteira de expresión demasiado ríxida tal como neste proxecto se pretende. Por iso: literatura e arte plástico, apelando ás distintas dimensións de expresión dos artistas pero tamén a distintos niveis de comprensión nos espectador@s dado que, se dirixan a niveis conceptuais mais lingüísticos ou mais intuitivos, compleméntanse mutuamente enriquecendo o discurso. Sexan obras cun fío argumental no sentido narrativo ou non, a nosa mente segue estructuras narrativas e decodificadoras características, influídas fondamente póla cultura, por exemplo en Occidente lemos de esquerda á dereita, pero non só as palabras senón tamén imaxes... Nun tempo onde o fragmentario devén cotidianeidade, parece interesante un diálogo mais intenso entre as artes. Elas interrogan aspectos diferentes da realidade, ofrecen visións alternativas á habitual abríndonos novas vías de comunicación co noso entorno. Navegar outros camiños expresivos, é inherente á arte de todos os tempos. Abrir espacios para a reflexión e non só para a contemplación exclusivamente estética senón tamén ética, brindar ferramentas que permitan nova creación artística e nova lectura da mesma. Favorecer que a arte se interprete a si mesma dende distintas olladas, metarreflexivamente, como un espello que dende outro código nos devolve unha imaxe entre outras moitas posibles (ben útil contra o hábito e o dogmatismo e pólo mesmo contra tanto etnocentrismo da nosa cultura occidental). Neste presente que parece perder forza vital unir camiños no amor á arte, sexa poesía ou plástica, pode revitalizar o que de búsqueda nos une a tod@s. Axudar a dar sentido, a habitar soños que aínda son posibles, a lembrar que a utopía guiou sempre pasos e que os dereitos non se acadan se alguén non é capaz de soñar previamente. Recreando formas recreamos significados, enriquecemos a vida dende mais perspectivas e aínda que sexa certo aquelo de que o discurso é metáfora, e distancia xa dende aí para traducir vida, parece que unir distintos planos expresivos convertera en menos real o de que 'todo traductor é un traidor'. Unha época coa complexidade da nosa require mais sutileza na decodificación e o que enriquece a mirada selecciona ó espectador/a, mais formas equivale a máis posibilidades de recoñecemento. Palabra non só como símbolo, letra como elemento visual, verba matérica, palabra que contén símbolo, significante tamén como obxecto perceptivo... obxecto perceptivo como código... as posibilidades son inesgotables e aparecen nas obras de Marisa Alves e Joaquim Pombal. As ilustracións nos libros de todos os tempos, os títulos verbais que acompañan ás obras artísticas, catálogos, críticas, 'pintar con palabras vellas' ou 'esculpir significados'... dende que somos nados arte e literatura son chaves de entrada á beleza enigmática que nos envolve, por que non unir explicitamente nun espazo o que está presente en nós como fan estes autores? Derrubar os muros orgánicos e formais, e cós seus mesmos elementos construír novos universos simbólicos para habitar planos que xoguen cós limites das formas, que transgredan os usos tradicionais e nos leven da man da arte a outros territorios descoñecidos, isto non é mais que recrear un longo e xeneroso legado artístico. Invitar ó espectador nun xogo non só intelectual, tamén emocional, afectivo... que a obra seduza, e el/ela se apropien dela no que é parte da paixón. Implicalo activamente nun evento. Exposición como acontecer que vivir e non como mera acumulación de obxectos para contemplar ou ler. Pasear entre as palabras como dicían os artistas do Porto. O consumismo atroz desmantela significados e nos volve náufragos no lado escuro destas demoKRACIAS disfrazadas. Todos levamos dentro o desexo da beleza, aínda neste mundo desnortado, e pensamos que a forza dos símbolos pode axudar como unha pequena brúxula a recuperala. Todo cambio de utilización de códigos ten cando menos un aspecto positivo: nos sitúa nun estado de alerta e atención ata que recuperamos as coordenadas de comprensión, que xa non é pouco na anestesia permanente que se nos aplica como cidadás. Pareceunos positivo invitar artistas fascinados póla busca de novos códigos ou mais ben de reinterpretar a utilización dos de sempre, disparar diferentes lecturas, tentando convocar a maxia das distintas disciplinas da arte, obrigando así a revisar claves de creadores e espectadores para re-situarse. Ás veces na arte o continente anula o contido por iso parece importante por especial coidado na posta en escena dunha exposición, a concepción da mesma como evento e non só como conxunto de obras obriga a considerar o feito na súa totalidade sen perder de vista a individualidade creativa de cada artista. É preciso lembrar que entrar nunha exposición non é só unha experiencia física senón sobre todo metafísica por canto pode chegar a suscitar no visitante. É o espectador quen realiza a síntese final do proceso creativo que se expón e, se Kant tiña razón, habitamos un mundo fenoménico, así que quen contempla crea o seu feito artístico, interiormente diferente a calquera outro, ante o que se lle mostra. Así entender a exposición como evento mais que como obxecto leva asociada a filosofía de converter un pouco o espazo en teatro ou laboratorio de experiencias mais que nun museo ó xeito tradicional. Combinar os aspectos presenciais, lúdicos e contemplativos con aqueles mais reflexivos non parece o signo dos tempos, tecnoloxicamente hedonistas, pero pode ser por esa mesma razón ameno (e o risco si que nos gusta como sociedade). Preguntarnos de paso se é positiva a continua substitución de significados póla esaxeración dos procedementos no arte e o que estamos perdendo recorrendo só a esa estratexia (estratexia que non negamos como arte pero si como afirmación de única posibilidade artística). En todo caso unha colaboración con artistas que falan linguas e linguaxes artísticos distintos pero que poden comprenderse dende eles, compartindo unha investigación plástico-literaria conxunta, tentando harmonía dende a diferenza. É este xa de por si un lugar de encontro, unha illa no medio do individualismo latexante e perigoso. É asumir unha actitude activa dende a cidadanía ante a fraxilidade que por sistema parecen ter hoxe moitas iniciativas. É considerar a arte como camiño de coñecemento e sensibilización social compartida. Carmen Cabaneiro
Cerámica contemporánea.
Exposición. 19 nov de 2024 - 02 mar de 2025 / Museo Nacional del Prado / Madrid, España
Formación. 23 nov de 2024 - 29 nov de 2024 / Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) / Madrid, España